Na parroquia de Santa Baia de Barroso no concello de Avión, atópase  a “Eira de Barroso” dentro do núcleo do que toma o seu nome. Este espazo era o lugar destinado  a “malla” dos cereais, unha das tarefas agrícolas tradicionais máis importantes do rural galego.

Esquema de distribución “Eira de Barroso”. Imaxe cortesía de BUO ESTUDIO Arquitectura & Paisajismo

A “Eira de Barroso” é unha “eira empedrada”, de laxas rectangulares de granito, situada na parte central do núcleo nun espazo aberto cara ao noroeste con vistas cara á serra do Suído.

"Eira de piedra"

Vista xeral da “Eira de pedra”. Fotografía de Pierre Chauvency

En canto ao seu réxime de propiedade, falamos dunha “eira de todos”, de carácter comunitario, posiblemente sometida a un sistema de quendas establecido entre veciños no tempo da malla.

Nas proximidades, atopamos 28 hórreos, lugares onde era almacenado o produto final procedente da malla. Dispostos na súa maioría, cunha orientación este-oeste, buscábase garantir a correcta ventilación e conservación do alimento almacenado. En canto aos materiais para a súa construción, preséntanse dúas tipoloxías: os de pedra e os mixtos (de madeira e pedra), estes últimos cunha maior presenza.

Conjunto de eria y hórreos

Conjunto eira y hórreos. Fotografía de Fran García Fernández

Tanto a “eira” como o conxunto de hórreos presentan un bo estado de conservación, froito da restauración do conxunto.

Desde O Suído convidámolos a vir coñecer este espazo, unha das eiras cunha maior agrupación de hórreos.