O LOBO IBÉRICO
Por María del Carmen Aldir Doval
Canis lupus signatus ou o lobo ibérico habita nas serras e mesetas do cuadrante noroeste da Península Ibérica. Descrita en 1907 polo zoólogo Anxo Cabrera, a subespecie signatus recibe ese nome polas manchas escuras na parte frontal das patas dianteiras, na cara exterior e na punta do rabo e no lombo, á altura da cruz, chamada “sela”.
Presenta múltiples adaptacións anatómicas que o manteñen na cima da pirámide alimenticia. Algunhas son: unha cabeza grande, pescozo robusto e musculoso; un cranio estreito con fuciño alongado e recto; unha mandíbula óptima para atrapar presas e ferilas; unha forte musculación de mastigación e dentición carnívora (42 pezas). O morro está rodeado por vibrisas esbrancuxadas, bigoteiras, que lle dan información por medio do tacto e músculos faciais que potencian a xestualidade , moi importante nas relacións sociais.
Patas firmes e vigorosas, as anteriores lixeiramente máis longas; un apoio dixitígrado para unha carreira rápida; uñas non retráctiles que lle axudan a afianzar o paso na carreira, adaptadas para andar por multitude de terreos, cunha pequena membrana entre os dedos para moverse na neve e con glándulas interdixitais que exsudan esencias impregnando a pegada co seu cheiro.
Unha constitución adaptada para realizar persecucións de longa duración co fin de cansar á presa: corpo áxil e flexible, caixa torácica ampla, corazón grande, pulmóns desenvolvidos, diafragma cunha disposición baixa e rabo longo.
Un oído que capta sons de alta frecuencia cos que se comunica. Un excelente olfacto para localizar as súas presas, percibir a receptividade dunha femia e recoñecer a outros individuos. Visión dicromática, binocular e tridimensional, óptima en condicións de luz tenue e crepuscular.
O lobo ibérico é un cazador social, organízase en mandas e planifica a caza, con todo, se a presa é pequena, caza en solitario. A súa natureza é carnívora, por adaptación omnívoro, se ten a oportunidade é preeiro e ocasionalmente herbívoro. Por tanto, a dieta é moi variada desde landras, castañas e froitos do bosque ata prea e todo tipo de aves, con todo, prefire cazar ungulados salvaxes como corzos, cabras e xabarís. Cando o alimento escasea chega a atacar aos rabaños domésticos como ovellas, tenreiros, cabalos e poldros.
É un excelente regulador natural mediante o control das poboacións de ungulados silvestres nos ecosistemas salvaxes. Por exemplo, o aumento de xabarís repercute negativamente no sistema produtivo agrario, destruíndo plantacións de millo e pataca e incrementando o número de accidentes nas estradas. Un exceso de cérvidos causa danos ao bosque xa que roen os ramos e descortizan as árbores.
O lobo é un animal sociable, formando grupos organizados xerarquicamente; agrúpanse en mandas familiares rexidas por unha parella dominante “alfa”, que adoita ser a única que se aparea e reproduce, é monógama e duradeira.
O seu territorio é moi amplo, para unha manda media de entre 8 e 10 lobos, precisan uns 200 km2, varía dependendo da dispoñibilidade de alimento e auga, a cobertura vexetal, as distintas estacións ou a interferencia humana.
Delimita o seu territorio por medio da marcaxe olfactivo , visual e auditivo. Utiliza as glándulas odoríferas e os excrementos da parella “alfa” para marcar pedras, árbores e matogueiras. A linguaxe corporal destaca pola variedade de posturas e xestos para definir a xerarquía e garantir a cohesión da manda. A marcaxe auditiva é moi importante, o ouveo adoita ser nocturno e transmítese a case 10 km.
Os machos pesan entre 35 e 45 kg e maduran sexualmente aos 3 anos e as femias pesan entre 25 e 35 kg e maduran aos 2 anos. Son monoestrais, é dicir, presentan o celo unha vez ao ano. A xestación dura uns 63 días e nacen de 3 a 8 cachorros entre abril e xuño.
A lobeira proporciona seguridade á camada, con orientación cara ao sur para evitar a hipotermia dos cachorros, que nacen cegos e xordos, empezan a ver e escoitar aos 15 días. O destete comeza ao redor da sexta semana e empezan con carnaza regurxitada. A partir da oitava semana aparecen os dentes de leite e engolen anacos sólidos.
A súa media de vida oscila entre os 5 e 10 anos; en catividade, rexistráronse casos de lobos que chegaron aos 17 anos.
Como conclusión da súa tese doutoral o biólogo Roberto Hermida propuxo un novo taxon subespecífico, Canis lupus gallaicus, para o lobo do cuadrante noroeste da Península, o cal distínguese doutras subespecies pola súa pelame máis escura e contrastado e un cranio proporcionalmente máis ancho.
A pesar da regresión das súas poboacións nalgunhas zonas, a Península Ibérica alberga a maior poboación europea occidental, gracias á súa óptima orografía, abundancia de animais salvaxes e domésticos, un despoboamento rural e un lixeiro cambio na mentalidade da xente con máis información científica e divulgativa.
O Plan de Xestión do Lobo en Galicia, baseado en estudos realizados entre 1999 e 2003, confirma a presenza de 60 mandas, o que estima unha poboación de entre 420 e 625 lobos, polo que somos a segunda comunidade en número de lobos.
Existen diversas e variadas causas da regresión do lobo: o illamento dalgúns grupos polo incremento das vías de comunicación aumentan os atropelos de lobos adultos; os incendios forestais reducen o seu hábitat; a presenza de lazos e cepos para capturar ao xabarín; a diminución de cadáveres do gando doméstico; pelexas con mandas rivais; a caza furtiva e, a pesar de que algún estudo di o contrario, a modificación do seu hábitat pola explotación eólica das montañas.
En Galicia existe unha distribución regular e as poboacións actuais, aínda que sexan estables, son bastante vulnerables, xa que segue en pé o grave conflito socioeconómico que xera o lobo cando se mete no territorio humano; é cando as institucións se terían que esmerar para solucionar o problema, incidindo na educación, sendo rápidas á hora de indemnizar aos damnificados e contribuíndo a investir a maior parte dos prexuízos.
Bibliografía.
Blanco, J.C. (1995). Ganado y grandes carnívoros. Quercus, 107: 12-15.
Cuesta, L., Bárcena, F., Palacios, F., Reig, S. (1991). The trophic ecology of the Iberian wolf (Canis lupus signatus Cabrera, 1907). A new analysis of stomach’s data. Mammalia, 55 (2): 239-254.
Decreto 297/2008, del 30 de diciembre, por el que se aprueba el Plan de Gestión del Lobo en Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostenible.
Guitián, J., De Castro, A., Bas, S., Sánchez, J. L. (1979). Nota sobre la dieta del lobo (Canis lupus L.) en Galicia. Trabajos Compostelanos de Biología, 8: 95-104.
Hermida, R. (2010). Morfología y sistemática del lobo ibérico, Canis lupus Linnaeus, 1758. Tesis doctoral. Universidad de Santiago de Compostela, España.
Llaneza, L. et al. (2005). Distribución y aspectos poblacionales del lobo ibérico (Canis lupus signatus) en las provincias de Pontevedra y A Coruña (Galicia). Galemys, 17 (N.E.): 61-80.
Pérez López, D. (2010). Os foxos do lobo. A caza popular na cultura gallega. Ed. Canela. 491 pp.
Urios, V., Vila, C., Castroviejo, J. (2000). Estudio de la incidencia real de la depredación del lobo en la ganadería comparando dos métodos distintos. Galemys, 12 (Número Especial): 241-248.
Valverde, J. A. e Hidalgo, A. (1979). El lobo y su intimidad. Trofeo, 104: 18-21.
Vilà, C. (1993). Aspectos morfológicos y ecológicos del lobo ibérico Canis lupus L. Tesis doctoral. Universidad de Barcelona, España.