Na parroquia de Xirazga no concello de Beariz, atópase  a “Eira de Doade” dentro do núcleo do que toma o seu nome. Este espazo era o lugar destinado  a “malla” dos cereais, unha das tarefas agrícolas tradicionais máis importantes do rural galego.

Esquema de distribución “Eira de Doade”

Esquema de distribución “Eira de Doade”. Imaxe cortesía de BUO ESTUDIO Arquitectura & Paisajismo

Este espazo  é unha “eira térrea” , feita sobre o terreo natural e situada na parte central do núcleo primitivo do poboado, nun espazo limítrofe co bosque. En canto ao seu réxime de propiedade, falamos dunha “eira de todos”, de carácter comunitario, posiblemente sometida a un sistema de quendas establecido entre veciños no tempo da trilla.

Eira de Doade

Eira de Doade. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero

Nas proximidades, atopamos 16 hórreos, lugares onde era almacenado o produto final procedente da trilla. Dispostos na súa maioría, cunha orientación norte-sur, buscábase garantir a correcta ventilación e conservación do alimento almacenado.

En canto aos materiais para a súa construción, preséntanse dúas tipoloxías: os de pedra e os mixtos (de madeira e pedra), estes últimos cunha maior presenza.

Hórreo mixto

Hórreo mixto. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero

A “eira” do mesmo xeito que os hórreos presentan un bo estado de conservación, aínda que estes últimos, na maioría dos casos perderon os seus elementos de madeira como consecuencia conxunta do paso do tempo e do abandono das tarefas de trillado.

¡Desde O Suído convidámolos a coñecer este fantástico espazo!