EIRA GRANDE DE BERESMO (AVIÓN)
Na parroquia de San Xosé de Beresmo no concello de Avión, atópase a “Eira grande de Beresmo” dentro do núcleo do que toma o seu nome. Este espazo era o lugar destinado a “malla” dos cereais, unha das tarefas agrícolas tradicionais máis importantes do rural galego.

Esquema de distribución “Eira grande de Beresmo”. Imaxe cortesía de BUO ESTUDIO Arquitectura & Paisajismo
Este espazo é unha “eira térrea” , feita sobre o terreo natural e situada na parte central do núcleo primitivo do poboado, nun espazo limítrofe co bosque. En canto ao seu réxime de propiedade, falamos dunha “eira de todos”, de carácter comunitario, posiblemente sometida a un sistema de quendas establecido entre veciños no tempo da malla.

Eira grande de Beresmo. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero
Nas proximidades, atopamos 9 hórreos, lugares onde era almacenado o produto final procedente da trilla. Dispostos na súa maioría, cunha orientación este-oeste, buscábase garantir a correcta ventilación e conservación do alimento almacenado. En canto os seus materiais construtivos, presenta unha tipoloxía mixta de pedra e madeira.

Agrupación de hórreos. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero
Tanto a “eira” como o conxunto de hórreos presentan un bo estado de conservación, froito da restauración do conxunto.
Desde O Suído convidámolos a vir coñecer este espazo, unha das eiras cunha maior agrupación de hórreos.