Hoxe a iniciativa de OSuído comeza a súa andaina nunha contorna de intercambio de coñecementos, opinións e iniciativas promovidas por amantes e entusiastas do rural: na SOPA Congress 2016.

Para aqueles que non ouvisen nunca antes falar da SOPA, trátase dun congreso internacional sobre educación e socialización do patrimonio no medio rural. Un congreso cuxo obxectivo principal é educar no común, contactar,  e facilitar o acceso e a transmisión ao patrimonio no medio rural.

Nesta IV edición, esta vez en Zalamea de la Serena (Estremadura), reúnense persoas de diferentes áreas de actuación, coas que abordaremos as diferentes formas de ver, tratar e considerar ao patrimonio rural como xerador de riqueza, posibilitando aos axentes locais o desenvolvemento de iniciativas culturais e económicas innovadoras e sustentables.

Coa presentación de “OSuído: As paisaxes invisibles” na SOPA Congress o que buscamos é dar a coñecer esta iniciativa a outras persoas que se atoparon nunha situación similar á nosa, de pasividade ante o aproveitamento dos recursos existentes dunha rexión, e souberon como actuar. Buscamos xerar sinerxías positivas e achegas que nos permitan por en valor “a Serra do Suído”.

logo-sopa-congress