A PAISAXE DA AUGA DE XESTA
“A paisaxe da auga de Xesta” é un proxecto que xorde coa intención de mostrar e divulgar os 18 muíños de Xesta como parte do seu patrimonio etnográfico, unha arquitectura popular, aínda latente na memoria colectiva, que durante séculos foi fundamental para o desenvolvemento da parroquia. A identidade de cada pobo atópase ligada de forma directa ao territorio onde se arraiga, sendo a realidade física do mesmo, o condicionante que definiu a súa forma de vida, a súa organización social e as súas dinámicas políticas, culturais e económicas.

Comporta aliviadorio, Muiños de Reboreda, Xesta. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero
A parroquia de Xesta, no concello da Lama, conta cunha gran rede de muíños ao longo do río Xesta, salpicados por tódolos lugares e núcleos. É, no seu conxunto, un fantástico exemplo da capacidade de adaptación dos seres humanos ás condicións do territorio, modificándoo e moldeándoo en harmonía coa natureza.
A pesar dos cambios sociais que o tempo leva, é fundamental potenciar a identidade cultural de Xesta sobre a paisaxe que a auga labrou, para evitar a súa perda, para fomentar a súa conservación. E como potenciar a identidade dun pobo co seu territorio? Pois moi fácil. Valorando o seu patrimonio cultural e natural, mediante a interacción entre os seus habitantes e os elementos patrimoniais e paisaxísticos.

Canle, Muiño de Portomartiño de Abaixo, Xesta. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero
Foi por mor dunha conversa no verán do 2011 entre Enrique Vaqueiro Costal, hoxe presidente da asociación de veciños de San Bartolomeu de Xesta e Manuel Ángel Bugallo Otero, na cal o primeiro mostraba o seu interese por rehabilitar algún dos muíños e o segundo propúñalle a realización dun inventario para saber realmente con cantos contaba a parroquia.
O que empezou como un traballo solitario converteuse nunha verdadeira paixón, comezando a formar un gran equipo de traballo para poder acometer a investigación. Foi así como sumáronse, nunha primeira instancia, dous veciños máis: o enxeñeiro militar, Juan Carlos Carreiro Costal e o arquitecto Bernardo Santiago Carballal Vázquez; para logo sumarse a historiadora da arte, Tania Galán Gómez, e tres arquitectos máis: Pierre Chauvency, Ignacio Lorente Romero e Pepa Zelada Tomé.

Inferno, Muiño do Campo, Campelo, Xesta. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero
Foi así como este grupo de veciños e foráneos, amantes do patrimonio cultural e natural, realizaron este traballo que foi posible sacar á luz grazas ao apoio e financiamento tanto da Deputación de Pontevedra como ao Concello da Lama.

Moega, Muiño do Campo, Campelo, Xesta. Fotografía de Manuel Ángel Bugallo Otero
Son estas paisaxes de pedra, vexetación e auga as que nos inspiran a comezar este inventario etnográfico e fortalecer así, a identidade do pobo. É, en definitiva, unha homenaxe ás pegadas que os nosos antepasados deixaron na paisaxe e que na actualidade fan desta parroquia da Lama, un territorio singular.
O inventario de Xesta exponse como un catalizador cultural que funcione como punto de partida dunha serie de iniciativas e proxectos promovidos polo Concello da Lama.