A orixe da Asociación Cultural Río Barbeira, remóntase a outubro do ano 2006, cando Daniel Vidal Durán veciño do Verdugo establece unha toma de contactos con veciños do Peso, as Chozas, San  Lorenzo e Barbeira coa fin de pór en marcha unha iniciativa pioneira no concello da Lama, a recuperación dos camiños de tránsito que ocupan as marxes do río Barbeira. A súa intención,  é ofrecer un espazo de lecer en plena natureza e pór en valor o patrimonio cultural presente nesta zona da comarca.

Na primavera de ano 2007,  despois de varias campañas de recoñecemento e valoración do sitio por parte do propio Daniel e dos veciños Félix Sieiro (O Peso) e José M. Fortes (San Lorenzo), dan comezo as tarefas de limpeza dos camiños por parte dos internos do centro penal da Lama, un grupo de voluntariosos veciños e o apoio do propio concello.

Finalmente a asociación foi constituída no ano 2.008 por veciños  para a creación, o desenvolvemento e o mantemento dunha ruta de sendeirismo denominada  “Tras os pasos do río Barbeira, ruta da liberdade”.

Entre os fins da asociación atopamos:

  • A divulgación e promoción do río Barbeira e a súa contorna.
  • A recuperación dos elementos que conforman o patrimonio etnográfico do río.
  • Acondicionamento e limpeza da ruta.

Cada ano, pouco antes da entrada do verán, a asociación organiza unha celebración denominada “Festa da ruta do río Barbeira”, para render unha pequena homenaxe ao proxecto, acompañada dun fantástico festival de espantallos, que fortalece e dá un maior sentido á iniciativa.

Desde O Suído, estamos sumamente contentos por iniciativas deste tipo, que son un claro exemplo das accións que buscamos apoiar e difundir. A continuación deixámoslles un vídeo das tarefas de limpeza iniciais facilitado pola propia asociación.

Despedímonos non sen antes dar a noraboa á Asociación Cultural Río Barbeira por un magnífico labor de protección e posta en valor do patrimonio cultural da Lama.